- O alumnado prepara o seu almorzo con alimentos saudables que lles aportan enerxía para afrontar a xornada
«Parte do noso alumnado acode ao instituto sen almorzar ou toma a primeira comida do día de xeito deficiente», destacan desde a directiva do IES Maximino Romero de Baio, en Zas. Unha comida que en moitas ocasións está cargada de azucre debido á «enorme influencia da industria publicitaria». Por este motivo, desde o inicio do curso escolar no centro realizáronse varios obradoiros para almorzar no propio colexio e da mellor forma: con froita, cereais saudables como a avena, aceite de oliva ou aguacate, entre outros produtos.
Estas ‘clases’ desenvolvéronse á primeira hora da mañá para que o alumnado afrontase o día con máis enerxía e así poder render máis nas clases. Os participantes recibiron unha charla teórica onde se lles explicaba a importancia de combinar ben os alimentos.
A iniciativa está enmarcada no programa Innova EDUsaúde e continuará durante os próximos meses.