O Concello de Zas continúa a consolidar a súa programación cultural coa inauguración da exposición ‘Aires da Terra’, da artista Isabel Soutullo, que abrirá as súas portas o vindeiro luns, 30 de marzo, ás 18:00 horas no Centro Sociocultural de Baio.
A mostra poderá visitarse de balde ata o 30 de abril, de martes a venres en horario de 15:30 a 20:30 horas e os sábados de 10:00 a 14:00 horas, ofrecendo á veciñanza e ás persoas visitantes unha nova oportunidade para achegarse á creación artística contemporánea.
Nada en Coristanco, Isabel Soutullo destaca polo seu talento á hora de abordar cuestións de conciencia social e ambiental a través da súa obra. Os seus cadros constrúen un delicado equilibrio entre o figurativo e o abstracto, convidando ao espectador a mergullarse nun espazo onde emocións e ideas se entrelazan. A artista conta cunha ampla traxectoria expositiva, desenvolvida principalmente na provincia da Coruña e, moi especialmente, na Costa da Morte, onde ten presentado o seu traballo en numerosos espazos culturais e institucionais. Ademais, forma parte do colectivo Galeoska.
Esta nova proposta colle o relevo da exposición ‘Galicia en Luz e Cor: Unha viaxe visual polos seus mares, cidades e rostros’ do Grupo Lucet, que se poderá visitar ata o sábado 28 de marzo e que foi inaugurada o pasado mes de febreiro.
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, destacou que “desde o Concello seguimos a apostar de maneira decidida pola cultura como eixo fundamental para o desenvolvemento social e comunitario. Exposicións como ‘Aires da Terra’ permiten achegar a arte á veciñanza e dinamizar os nosos espazos públicos, converténdoos en puntos de encontro e reflexión”.
Muíño engadiu ademais que “é un orgullo poder contar con artistas da nosa contorna que, como Isabel Soutullo, levan o nome da Costa da Morte máis alá e contribúen a xerar conciencia a través da súa obra. Queremos que Zas continúe sendo un referente cultural na comarca, cunha programación estable e de calidade ao longo de todo o ano”.