O Concello de Zas celebrará o domingo 30 de agosto unha nova edición do Mercado de Artesanía de San Ramón, que terá como escenario as Torres do Allo entre as 11:00 e as 20:00 horas. A proposta busca converter este espazo patrimonial nun punto de encontro para a veciñanza e para todas aquelas persoas que se acheguen ao municipio para desfrutar dunha xornada dedicada á artesanía, á cultura e ao lecer.
O mercado abrirá as súas portas ás 11:00 horas e contará cunha vintena de postos nos que artesáns e artesás e creadores e creadoras da terra amosarán os seus traballos e oficios. Ao longo da xornada tamén se desenvolverán diferentes actividades paralelas, entre elas unha demostración de fabricación de pandeiros a cargo de O Triskel de Vicente e un xogo de pistas.
A programación da mañá continuará ás 12:00 horas cun obradoiro de barro, para o que será necesario realizar inscrición previa obrigatoria no teléfono 981 751 398. Á mesma hora terá lugar a Loita de Regueifeiros Novos, conducida por Lupe Blanco. Unha actividade enmarcada dentro do proxecto Carriza de Aantena Teatro.
A partir das 14:00 horas chegará un dos momentos máis festivos da xornada coa sesión vermú, que estará amenizada pola Charanga Tradicional Benofán. Ás 15:00 horas celebrarase a comida campestre, que este ano incorpora unha importante novidade, xa que haberá pulpeira nas propias Torres do Allo para que todas aquelas persoas que o desexen poidan quedar a comer e desfrutar da celebración durante toda a xornada.
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, sinala que “o Mercado de Artesanía de San Ramón é unha cita que ano tras ano nos permite poñer en valor os nosos oficios, a nosa cultura e o noso patrimonio, pero tamén crear un espazo de encontro e convivencia para a veciñanza e para as persoas que nos visitan”.
A actividade continuará pola tarde con propostas especialmente pensadas para o público familiar. Así, ás 17:00 horas darán comezo os xogos infantís, cun punto de encontro situado no xardín das Torres, mentres que ás 18:00 horas será a quenda do espectáculo familiar ‘Consertasso na Horta’, de Brais das Hortas.
Como peche da programación, ás 19:30 horas terá lugar unha visita teatralizada ás Torres do Allo da man de Os Quinquilláns. A proposta permitirá achegarse á historia e ao patrimonio deste emblemático espazo de Zas desde unha perspectiva diferente, combinando divulgación e entretemento.
“O programa está pensado para que haxa actividades durante todo o día e para todos os públicos, desde a artesanía e os obradoiros ata a música tradicional, a regueifa, os xogos infantís, os espectáculos e a visita teatralizada”, destaca o rexedor, que anima a toda a veciñanza e aos visitantes “a achegarse o 30 de agosto ás Torres do Allo, participar nas actividades e vivir con nós o San Ramón”.