- O centro ten en marcha unha exposición para que o alumnado se sensibilice fronte a diferentes situacións discriminatorias e confrontacións bélicas
O IES Maximino Romero de Lema, en Baio, inaugurou esta semana a exposición ‘Da escuridade á luz: entre a violencia e a paz, a forza da educación’, unha mostra reivindicativa e de actualidade.
Desde o centro destacan o procedemento de creación e elaboración da mesma, formada por un total de 32 paneis informativos que se dividen por contrastes: 16 imaxes están en branco e negro ao simbolizar a violencia e os conflitos mentres que as restantes, xa con cor, mostran a cultura da paz e a resolución pacífica dos problemas. Ademais, todos os paneis van acompañados de pequenos texto para apoiar o que reflicten as fotografías.
«O alumnado é o gran protagonista xa que nas 32 imaxes, a través dos seus xestos e dunha axeitada recreación das situacións, somos quen de comprender moi ben a mensaxe que pretende transmitir cada un dos paneis informativos», sinalan desde o instituto. Unha mensaxe en contra da guerra, dos crimes por razóns de orientación afectivo sexual, da persecución por motivos relixiosos ou dos asasinatos machistas e a trata de persoas, entre outras situacións.
Desde o Maximino Romero agardan que o alumnado sexa máis sensible ante os problemas que asoballan ao mundo e lembran que a mostra estará aberta ao público en horario lectivo. Esta actividade, coordinada polo equipo da Biblioteca, inclúese no Programa Innova de Fotografía que se está a desenvolver no centro.