Zas | Descubrindo o patrimonio megalítico da Costa da Morte no IES Maximino de Baio

Cedida

  • O centro acolle unha mostra itinerante ata o 28 de xaneiro

A semana pasada o IES Maximino Romero de Baio inaugurou a exposición itinerante As Antas da Costa da Morte, unha mostra na que se realiza un percorrido polos monumentos fúnebres do megalitismo da comarca.

Cedida polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM), é un completo traballo de divulgación no que se explica o que son as antas, grandes pedras de superficie lisa e plana na súa parte superior que «forman parte da nosa paisaxe e que aínda hoxe descoñecemos», afirman desde o centro.

A mostra, que ten a súa orixe no libro Polas antas e mámoas da Costa da Morte de Xosé María Lema Suárez, está constituída por 20 paneis que se inician cun mapa no que se ilustra toda a riqueza arqueolóxica da parte central e oriental da Terra de Soneira, marcando como camiño principal a chamada Vía Arqueolóxica. No resto aparecen fotografías con información sobre estas construcións de carácter funerario: Pedra Vixía, Pedra da Moura, Pedra da Arca, Pedra Cuberta, Arca da Piosa, a Mina de Recesindes, a Mina de Parxubeira, a Pedra da Lebre ou Dombate.

O alumnado xa está estudando a mostra para, en primavera, poder acudir ata os monumentos e coñecelos mellor. Quen desexe achegarse ata o instituto para ver a exposición poderá facelo en horario lectivo ata o 28 deste mes.