Zas | Inaugurada a mostra “Nós somos Elas”


A mostra “Nós somos Elas”, promovida pola área de Igualdade da Deputación da Coruña e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda foi inaugurada no CPI de Zas nun acto en que estiveron presentes a responsábel da área de Igualdade da Deputación da Coruña, María Muíño, e o alcalde de Zas, Manuel Muíño. A mostra recolle imaxes do Arquivo Vidal con textos de 24 poetas.

A mostra “Nós somos elas” permanecerá no Concello de Zas até o día 30 de maio e, arredor dela desenvolverase un recital das poetas Aldao-Lado que terá lugar o día 20 na casa da Cultura ás 12.45 horas. No acto de inauguración participaron tamén a directora e a profesora do IES Maximino Romero, Ana Facal e Hortensia Román.

A deputada de Igualdade, María Muíño, destacou na inauguración o interese que está a suscitar a exposición que chega agora a Zas despois de visitar A Coruña, Malpica e Ames, unha iniciativa que, segundo destacou, “fai que se achegue moita xente ao relato da historia das mulleres deste país conxugando dúas artes, a da fotografía a través das testemuñas do arquivo Vidal que mostran a vida destas mulleres que quedou moito tempo invisibilizada, xunto coa linguaxe potente da poesía”.

Pola súa parte, o alcalde de Zas, Manuel Muíño, agradeceu que a área de Igualdade da Deputación da Coruña incluíse o concello na súa itinerancia e destacou a importancia de mostrar nun espazo público como a carballeira do IES Maximino Romero á que se pode achegar toda a veciñanza.