Zas | Isabel Risco retrata no instituto baiés o papel da muller na historia con ‘Bravas’

1 minutes read
  • Trátase dunha obra enmarcada nas actividades polo Día Internacional da Muller

Alumnado de 2º de Bacharelato e de 1º e 2º Formación Profesional do instituto baiés Maximino Romero de Lema puido gozar, grazas á colaboración do Concello de Zas, do espectáculo teatral Bravas, da actriz Isabel Risco. Trátase dunha actividade enmarcada no 8M, Día Internacional da Muller.

«O humor como ferramenta de denuncia da invisibilidade fai de Bravas unha obra de especial relevancia», afirman desde o centro escolar, destacando que a función quere «rachar co silencio e que teñamos en conta na actualidade que chegamos ata aquí grazas ao traballo pioneiro e duro de mulleres como Exeria, María Castaña, María Soliña, María Pita, Rosalía de Castro ou outras moitas anónimas, como as cigarreiras da Fábrica de Tabacos da Coruña que levaron a cabo a primeira folga feminina; cómpre defender o valor de todas elas incorporándoas como patrimonio das loitas presentes».

Por outra banda, Isabel Risco tamén intenta que os estudante se mergullen no papel das mulleres nas diferentes etapas da historia e máis aló, xa que a actriz «realiza un interesante salto cara ao futuro dende o que podemos percibir a crítica sobre a nosa sociedade actual», sinalan desde o instituto.