Zas | Os Premios Fouciño anuncian a programación da que será a súa V edición

O evento celebrarase en Baio do 23 ao 25 de outubro de 2025 e repartirá 1.800€ en premios. O festival aposta por un formato semellante ao do ano pasado, que tivo tan boa acollida, e que combina curtametraxes dentro e fóra de competición, actividades lúdicas relacionadas co cinema e moita música. 

O festival botará a andar o xoves 23 de outubro coa proxección de Pura, curtametraxe de Carmen Méndez gañadora dos Mestre Mateo este 2025. Despois do pase haberá un coloquio coa directora. 

venres 24 teremos unha sesión de catro curtametraxes que conectan no concepto de diversidade: ‘Delincuente’, de Alba Domínguez e Nuria Vil; ‘O Coidado’, de Miguel Canalejo; ‘Abellón’, de Fon Cortizo e ‘La casa de la abuela’, de Ashling Ocampo. A noite rematará cun concerto da cantante coruñesa Sofi Peries e un concurso de karaoke cinéfilo

O prato forte do festival é o sábado 25, coa proxección das curtas presentadas a concurso e a gran festa final na que actuarán Antía Muíño, Ulex, 9Louro e Tonita, conformando un cartel que aposta polos novos talentos e a música en galego. Antes, a mediodía, tamén haberá a proxección da curtametraxe do obradoiro infantil de cinema e a peza ‘Un peixe é un peixe é un peixe’ de Marilar Alexandre e Alberto Pombo, gravada en Fisterra. 

O equipo dos Fouciño anunciou a programación durante un acto dedicado ao propio certame baiés que se celebrou dentro da Semana Cultural de Zas. O evento contou coa presenza do Alcalde de Zas, o Concello coorganiza o certame, e pola tarde proxectáronse as tres curtametraxes gañadoras da IV Edición do festival. Muíño destacou o nivel deste certame que sitúa a Baio no mapa do audiovisual.

Related posts

Malpica quenta motores para a VIII Carreira Pedestre

Minutos de silencio por Gaza na Laracha

Preocupación dos socialistas de Muxía polos recortes na educación pública nos colexios da vila