Zas polo Miúdo, a historia do municipio na época da ditadura franquista


O concello de Zas pon en circulación “Zas polo Miúdo” a cuarta parte da historia de Zas que se centra nos anos 1939 a 1978, coincidindo coa época da ditadura franquista.

Tomando como base as actas municipais,  Xosé María Lema e Evaristo Lema elaboraron unha nova entrega na que se repasan algúns dos feitos máis importantes que se viviron durante esta época no concello de Zas.

Coincide nesta época a inauguración dalgúns dos edificios máis emblemáticos da zona tales como a Casa do Concello (inaugurada o 11 de outubro de 1951) ou as Escolas Agras Regueiro (27/06/1954) que foron “costeadas polo pobo”. Foi nesta época tamén cando se creou un consorcio para a repoboación de montes na zona do Pico de Meda e que implicaba aos veciños de Carreira ou a chegada do alumeado público a Baio (ano 1963).

Nas actas municipais tamén se recolle a instalación dun campamento militar de Infantería e Artillería no zona da ponte Lodoso, en A Cacharoza-Baio, aló por maio de 1943. Durante case toda a etapa franquista, mantívose como alcalde de Zas Manuel Montero Barreiro. Foi o rexedor de Zas con máis anos no cargo xa que gobernou durante case 45 anos.

Pode consultarse tamén información sobre todas e cada unha das 16 parroquias que compoñen o municipio e a través da cal se repasan os datos de maior interese. Este é un proxecto posto en marcha polo Concello de Zas, a través da Concellería de Cultura, e co se pretende dar a coñecer e divulgar a historia municipal.