O Concello de Zas, a través da área de Cultura, inaugura este venres, 16 de xaneiro, unha nova exposición no Centro Sociocultural de Baio. A mostra forma parte do ciclo de exposicións posto en marcha o pasado mes de outubro, unha iniciativa que se prolongará ata o mes de xuño e que consolida este espazo como referente cultural na comarca.
Este programa, impulsado polo Concello durante o último ano, ten como principal obxectivo achegar a arte á veciñanza e favorecer a difusión cultural, ao tempo que se apoia e visibiliza o traballo de creadoras e creadores tanto a nivel local como comarcal.
Nesta ocasión, a exposición está dedicada á pintura e reúne obras das artistas Dolores Figueroa Calvo e Isabel Pardo Regueiro. A mostra poderá visitarse do 16 de xaneiro ao 27 de febreiro no Centro Sociocultural de Baio, de martes a venres en horario de 15:30 a 20:30 horas, e os sábados de 10:00 a 14:00 horas.
O acto de inauguración celebrarase este venres, 16 de xaneiro, a partir das 19:00 horas, e contará coa presenza do alcalde de Zas, Manuel Muíño, así como das dúas artistas protagonistas da exposición.
Muíño, comentou que “este ciclo de exposicións é unha aposta clara do Concello pola cultura como ferramenta de encontro, dinamización social e apoio ao talento artístico, tanto local como comarcal”, animando posteriormente a toda a veciñanza a achegarse pola mostra e desfrutar da selección de obras.