Zas | Remusealización das Torres do Allo

Cedida.

Crear espazos expositivos que interactúen coas persoas visitantes para convertelas en espectadoras activas e, ao mesmo tempo, amosando as posibilidades do pazo máis antigo de Galiza como atractivo turístico é o obxectivo da remusealización das Torres do Allo que impulsa a Deputación da Coruña. Deste xeito, as áreas de Patrimonio e de Turismo, xestionadas polo deputado Xosé Lois Penas e polo vicepresidente Xosé Regueira respectivamente, avanzan na actualización tanto de contidos como de espazos de tres enclaves patrimoniais fundamentais da Costa da Morte, isto é, nas remusealizacións do Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate en Cabana de Bergantiños, o Ecomuseo Forno do Forte en Buño, e as Torres do Allo en Zas.

Sobre estes tres proxectos de remusealización, o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas asegura que “se enmarcan nunha nova forma de xestionar o patrimonio encamiñada a acadar que o público visitante viva os recursos que ofrece a provincia dunha forma máis próxima á experiencia que á visita tradicional”. No caso concreto das Torres do Allo, indica que “está previsto implementar novas fórmulas expositivas, como é a inclusión de exposicións temporais, para dar cabida ao talento artístico da contorna, mais tamén para promover que o público potencial se achegue a este espazo de xeito regular e non só esporadicamente”.

O novo proxecto expositivo, que sae a licitación cun orzamento de 60.000 euros, ten previsto crear un itinerario no que todos os recursos expositivos estean relacionados entre si e permitan que as persoas visitantes coñezan en todo momento o uso que tiveron as diferentes estancias ao longo dos séculos e asentar no percorrido os espazos visitables. En total son 15 os espazos que serán obxecto de reformulación e, entre outros recursos, incluiranse animacións en 3D sobre a construción do pazo, narracións sobre os labores tradicionais que se desenvolvían en estancias como a bodega ou os fornos, audios con contos populares ou ficcións ambientadas nas Torres do Allo, e espazos específicos para xogos educativos e tamén para exposicións temporais.

Convén lembrar, que as Torres do Allo, xunto cos terreos lindeiros, foron adquiridos pola Deputación da Coruña en 1998 e en 1999 foron declaradas como monumento Ben de Interese Cultural. A súa rehabilitación fora acometida polo arquitecto Iago Seara, recuperando o interior do pazo, que estaba completamente destruído, a fachada e torres que sufriran importantes danos, así como os hórreos e distintas construcións anexas. Unha vez rehabilitadas as edificacións, a musealización, que fora levada a cabo a partir do 2005, correra a cargo de Joán Santacana.