Zas retoma o Trail da Filloa, será o 20 de febreiro


O Concello de Zas e a Asociación Deportiva Monte Brondo xa teñen todo preparado para o V Trail da Filloa que se disputará o vindeiro 20 de febreiro polos montes do concello. E despois dun ano de parón debido á COVID 19 nótase que hai ganas de trail e de filloas, xa que dúas das probas – o trail curto e o longo – teñen as prazas esgotadas. Así o indicaron durante a presentación do cartel deste evento non competitivo que tivo lugar na Casa do Concello de Zas e ao que asistiron o Alcalde, Manuel Muíño; David Fernández, da Asociación Deportiva Monte Brondo; e Juan M. García; o protagonista do cartel desta quinta edición quen destacou que “a diversión está asegurada”. 

Ao igual que nas últimas edicións, os organizadores poñen a disposición dos participantes avituallamentos ao longo dos diferentes percorridos, aparcamentos e gardarroupas. O percorrido estará sinalizado con material totalmente biodegradable e co fin de reducir o impacto ambiental os participantes deberán levar o seu propio sistema de hidratación.

Novidades

As grandes novidades do V Trail da Filloa son un Gran Trail de 43 km e unha andaina de 25 km que segundo sinalou David Fernández “foron un gran reto para nós e este ano por primeira vez conseguimos sacalos adiante”. Para iso contan coa colaboración de ducias de voluntarios que “se pasan a fin de semana limpando e desbrozando camiños”, destacou o Alcalde de Zas quen lle agradeceu enormemente o seu traballo.

A lama e a zona de cordas son puntos polos que pasarán os participantes en calquera destas probas, ao igual que a subida ao Monte Bronde e ao Pico de Meda, dous dos lugares máis altos do concello e dende os cales se pode gozar dunhas vistas espectaculares.

O V Trail da Filloa está composto por cinco probas non competitivas que terán o punto de saída a praza do Concello de Zas, mentras que o punto de chegada será o pavillón de Zas onde se servirán as típicas filloas á pedra de Zas acompañadas de caldo e chourizos.