Zas, Vimianzo e A Baña solicitan unha entrevista con Feijóo para evitar o peche de oficinas de Abanca

Imagen de archivo de la casa del ayuntamiento de Zas_Cedida

O Alcalde de Zas, Manuel Muíño, en representación da Alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; e do Alcalde de A Baña, José Antonio Pereira; vén de realizar a solicitude dunha entrevista co Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, co fin de abordar o peche das oficinas de Abanca situadas en Zas, Baíñas e A Baña e intentar que medie para que a entidade bancaria reconsidere a súa decisión.

“Queremos ter unha reunión con Feijóo para que nos axude e se poña á fronte das reivindicacións”, sinalou o rexedor de Zas durante a rolda de prensa que ofreceron onte os tres alcaldes para anunciar as medidas conxuntas que se levarán a cabo co fin de evitar o peche destas oficinas. “É o presidente de todos os galegos e galegas, polo que debe de atender a petición de defender aos nosos veciños. Ademáis ten unha responsabilidade moral dado que o Estado saneou a banca dándolle máis de 7.000 millóns de euros de todos os cidadáns”, subliñou Muíño. Os tres rexedores consideran que o Goberno galego é o único con capacidade para “falar de ti a ti” coa entidade financieira.

Tal e como souberon polos propios empregados de Abanca e polos veciños, a entidade financeira ten previsto pechar as oficinas de Zas, Baíñas e A Baña o vindeiro 8 de setembro. Este peche afecta directamente a unhas 10.000 persoas tanto destes concellos como doutros limítrofes.

Outras medidas conxuntas

Ademáis desta, os rexedores teñen en marcha outras medidas conxuntas entre as que figuran:

–  Solicitar unha reunión co Presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela

  • Establecer contactos con algún ministro do Goberno de España que teña competencias na materia e con deputados do parlamento galego
  • Manter unha reunión con responsables de Abanca
  • Estudar a posibilidade de emprender accións legais
  • Recollida de firmas nos tres concellos

Convocar unha manifestación ante a sede de Abanca