Zelenski acusa a Rusia de infundir o «terror nuclear» en Europa


A conferencia de doantes que se celebra en Dinamarca trata de marcar unha nova fase no apoio económico e militar de Occidente a Ucraína. Representantes de 26 países, incluídos varios ministros de Defensa como o de Ucraína participaron no encontro. Este arrincou co anuncio da primeira ministra de Dinamarca dunha nova axuda para o país. O presidente de Ucraína que interveu por videoconferencia lembrou que hai que reforzar as sancións e illar a Rusia.
Zelenski aproveitou a ocasión para lembrar os perigos que se poden dar en Europa se se produce unha catástrofe nuclear como a de 1986 en Chernóbil. Acusou a Rusia de utilizar as centrais ucraínas para infundir o «terror nuclear» en Europa. Sinalou que os rusos teñen secuestrada a central, colocando equipos de combate mentres bota a culpa aos demais. O Goberno ucraíno reclamou este xoves o envío urxente dunha misión internacional dirixida polo Organismo Internacional da Enerxía Atómica (OIEA) á central nuclear de Zaporiyia, baixo control ruso.