O Presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, deu este venres unha rolda de prensa na capital, Kiev, baixo o lema «Febreiro. O ano da invencibilidade». Un dos xornalistas preguntoulle cal foi o día máis difícil e aterrecedor do ano pasado, ao que o presidente respondeu que foi Bucha, onde estivo cara a cara co «mal puro». «Foi moi aterrecedor porque vimos que o mal non está noutro mundo, está aquí, na Terra; considero que foi iso», contestou o presidente.
Zelenski Tamén fixo referencia ao plan de 12 puntos da China no que insta a Ucraína e a Rusia a manter conversacións de paz e rexeitar calquera uso de armas nucleares. O presidente de Ucraína afirmou que esta de acordo con algúns puntos deste documento, como o feito de que China recoñeza a integridade territorial do seu país; pero tamén recoñeceu que con outros non.
Falando sobre o posible plan de paz Zelenski afirmou: «Estamos a traballar para que estean representados todos os continentes, estamos a traballar para que estea América Latina. Gustaríame moito que representantes do continente africano participasen na fórmula de paz e no cume. Para ser sincero, gustaríame contar con India e gustaríame contar con China». Ademais, Zelenski foi claro ao dicir que China podería axudar a illar a Rusia e que a vitoria é inevitable se os socios occidentais cumpren as súas promesas.