Baixo o lema “Volvemos brindar?” entre o 1 e o 31 de outubro a Xunta de Galicia e as cinco Asociacións das Rutas dos Viños de Galicia celebran a nova edición das Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia, que chega a súa décima edición e o fan ampliando o número de entidades participantes, 89 en total, e o tempo de duración do programa, que pasa de dúas a cinco fins de semana, convertendo así o mes de outubro, no mes por excelencia para gozar do enoturismo en Galicia.
Así o destacou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen presentou no Castelo de Monterrei a nova edición das Xornadas de Portas Abertas acompañada polos representantes das cinco Rutas dos Viños de Galicia e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén. Castro destacou que esta iniciativa conxunta chega “plenamente consolidada, cun incremento das adegas participantes, da duración do programa e coa ampliación das actividades complementarias propostas”.
Así, as Xornadas de Portas Abertas amplían a súa duración e dedican, por vez primeira, unha fin de semana para cada unha das rutas dos viños de Galicia comezando pola Ruta do Viño Rías Baixas (1-3 de outubro), para continuar coa do Valdeorras (8-10 de outubro), Ribeira Sacra (15-17 de outubro), do Ribeiro (22-24 de Outubro) e, finalmente, a Ruta do Viño Monterrei (29-31 de outubro).
Deste xeito, aqueles que se queiran achegarse ata os territorios do viño poderán facer visitas guiadas e de balde nas 63 adegas participantes -un 30% máis que as que participaron na edición do ano pasado-, e poderán aloxarse nalgún dos 18 aloxamentos turísticos adheridos, degustar menús especialmente creados para a ocasión nos 8 establecementos de restauración do programa ou participar no programa de máis de medio cento de actividades especiais deseñadas para a ocasión: paseos en barca, catas comentadas, sendeirismo ou visitas a museos, entre outras.
Todas elas, ademais, concibidas para ser gozadas en pequenos grupos e previa reserva, co obxectivo de seguir dándolle cumprimento ás medidas preventivas e de seguridade derivadas da crise sanitaria, garantindo así un enoturismo seguro.
25