11 mortos máis que hai un ano nas estradas galegas este outono

1 minutes read

A estas alturas do outono, o número de falecidos en accidentes de tráfico en Galicia ascendeu a 66, superando en 11 persoas a cifra que se rexistraba fai exactamente un ano. Saídas de vía e colisións, maioritariamente, por causas que non son novas, segundo explica o garda civil de Tráfico Héctor Teixeira. “As principais son as distraccións, temos que atender a atención permanente, e despois está o tema do alcol e drogas que, desgraciadamente, pese a todas as campañas que se fan e todos os controis que facemos a diario, seguimos atopando xente que dá positivo”.

Unha parte importante non cumpría axeitadamente as medidas de seguridade necesarias, ata o punto que un 16 por cento dos falecidos ía sen o cinto de seguridade posto, segundo fontes da Dirección Xeral de Tráfico.Pero ademais dos condutores e viaxeiros, chama a atención o alto número de peóns mortos en atropelos en Galicia, dous na última semana e nove no que vai de ano. A media de idade dos falecidos neste caso é de 78 anos.

A DXT desenvolve esta semana unha campaña de vixilancia e control do estado de elementos de seguridade como pneumáticos, luces e freos. A provincia da Coruña, que concentra a metade de todos os accidentes, será obxecto de especial atención. “Intensificaremos os controis, sobre todo nas horas máis conflitivas”, isto é, a primeira e última do día e durante as fins de semana.