A sétima e última xornada desta tempada 22/23 da Liga Baby-Basket na Delegación Coruñesa da Federación Galega de Baloncesto (FEGABA), organizada pola Escola Basket Xiria no Pavillón Bergantiños de Carballo, disputarase este sábado 10 de Xuño entre as 10 e 13 horas. Os 12 equipos e 120 participantes que estarán en Carballo son nenos e nenas nados entre 2015 e 2017.
Hai que destacar que nesta Liga Baby Basket da Federación Galega de Baloncesto, non existe a figura do árbitro e o oficial de mesa como tal, nin se cubrirán actas de cada partido. O espírito é que os nenos se divirtan, tomen contacto co que é o baloncesto, a competición, xogar contra outros equipos e coñezan novos amigos neste deporte.
Os partidos constarán de dous cuartos de 10 minutos a tempo corrido e dous minutos entre cuarto e cuarto que levará no reloxo de partido visual que hai na instalación, é dicir, os partidos de cada franxa comezarán e finalizarán á vez. Saberase cando se inicia cada partido porque os voluntarios mandaranvos saír xa a pista e darán o salto inicial no momento que se faga soar a bocina.