123 alumnos da 14ª promoción de Policía Local inician a súa formación na AGASP

1 minutes read

A AGASP é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia, xa que ademais de preparar ás novas promocións de Policía Local ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario e dos servizos de emerxencias que traballan na comunidade para garantir a seguridade dos galegos e galegas.

Na actualidade son 123 os alumnos da 14ª promoción de Policía Local que se están a formar na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). A formación iniciouse a semana pasada coa parte teórica, nos meses de verán os alumnos realizarán prácticas nos seus concellos e regresarán en outubro á AGASP para rematar a parte teórica.

A Academia conta con 64 cursos con máis de 1.400 prazas no plan de formación continua para este primeiro semestre. A formación vai dirixida a persoal da Policía Local e os profesionais dos corpos e forzas de seguridade do Estado que traballan en Galicia -isto é,  Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil-. En concreto, estanse a impartir nestes meses 42 módulos presenciais  de 775 prazas, aos que se engaden outros 22 con 705 vacantes na modalidade de teleformación. Abarcan tanto cursos de operativa policial, orientados ás condicións psicofísicas dos policías e autodefensa, como en materias de ámbito social ou o tratamento de persoas en especial vulnerabilidade e menores.