13 nadador@s do AD.Fogar toman parte do Galego Absoluto de Inverno

1 minutes read

Desde o domingo día 3 e ata o martes día 5 deste mes de xaneiro, trece nadadores e nadadoras da AD.Fogar de Carballo e Oleiros toman parte no Campionato Galego Absoluto de Inverno que se disputa sobre 25 metros na Piscina do Complexo Deportivo Rías do Sur da localidade de Pontevedra. O torneo autonómico contará coa presenza de 22 equipos e o concurso de 253 nadadores e nadadoras, dos que 134 son homes e 119 son mulleres.

En canto á representación do AD.Fogar dicir que nesta ocasión confórmana 13 deportistas, Elena Haz, Elisa Pichel, Lara González e Nana Suárez en categoría feminina e Adrián Martínez, Andrés Prieto, Carlos Iglesias, Christian Varela, Daniel Pardo, Manuel Verdes, Miguel Abelenda, Pablo Negreira e Simón Rey na masculina; entre os que nadarán un total de 29 probas a título individual e as 10 substitucións por equipos nas categorías masculina e feminina.

Dentro das medidas extraordinarias motivadas pola covid19 a totalidade da expedición cos técnicos Héctor García e Román Rey á fronte, realizarán un testado serolóxico a cargo do clube previo ao seu desprazamento e estancia en Pontevedra. Ademáis os equipos femininos e masculinos non manterán contacto algún entre sí posto que as féminas competirán nas tres primeiras sesións do torneo e os homes o farán nas tres últimas.