140 universitarios beneficiaranse das bolsas para realizar programas de mobilidade no estranxeiro

1 minutes read

O obxectivo desta liña de axudas, que conta cun orzamento total de 238.000€, é favorecer a participación da mocidade galega en programas de mobilidade en universidades estranxeiras que lles permitan incrementar o seu haber lingüístico e cultural.  A natureza destas experiencias permítelle ao alumnado integrarse nunha comunidade internacional e multicultural que mellorará os seus coñecementos académicos, profesionais e persoais en xeral.

Poderá solicitar estas bolsas o alumnado universitario que estea matriculado no curso 2022/23 en calquera das universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia, en estudos oficiais conducentes a unha titulación de grao e que teña autorizada a súa participación no programa de mobilidade pola súa correspondente universidade.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 24 de outubro. Formalizaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Unha vez formalizada a solicitude, deberá ser asinada pola persoa interesada con calquera dos sistemas de sinatura admitidos pola sede electrónica e enviala polo procedemento electrónico establecido.