17 persoas falecidas nas estradas na fin de semana, oito delas motoristas

2 minutes read
  • O accidente máis grave ocorreu en Cieza – Murcia, con dous mortos e seis feridos graves, tres deles menores
  • En Galicia, un mozo de 26 anos natural de Vigo morreu tras caer da moto

Este motorista súmase aos outros sete que segundo a Dirección Xeral de Tráfico faleceron nas estradas españolas esta fin de semana. En total, segundo os datos da Benémerita, morreron quince persoas nas estradas españolas dende o venres ás tres da tarde e o domingo ás oito do serán.

O accidente máis grave foi en Cieza, Murcia. Morreron un rapaz de 14 anos e unha muller de 37, e ademais hai seis feridos graves, tres deles menores. Un turismo que estaba avariado a un lado da calzada foi arremetido por outro e despois un camión colidiu contra os dous coches.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana a 65 persoas debido a 50 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 10 de maio ata as 23,59 horas do domingo, 12 de maio. O día que rexistrou máis incidentes foi o domingo con 25 accidentes.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 60 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 50 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 65 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 63,5% e do 36,5% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 30% dos atendidos tiña entre os 35 e os 49 anos.

Por provincias, A Coruña foi a que rexistrou máis accidentes con 22 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

ProvinciaAccidentes
A Coruña22
Lugo6
Ourense5
Pontevedra17
Galicia50

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 59. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado atenderon en tres accidentes, o helicóptero medicalizado asistiu nunha ocasión, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 46 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en cinco accidentes. As ambulancias convencionais asistiron en catro ocasións.

En 53 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en 10 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e dúas persoas faleceron no punto.