17 proxectos piloto permitirán dispoñer dos servizos avanzados do 5G na sanidade e a industria

1 minutes read

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este martes que Galicia desenvolverá 17 proxectos piloto que permitirán dispoñer dos servizos avanzados do 5G en eidos como a sanidade, a loita contra incendios, a industria, o vehículo conectado, o turismo ou a educación.

Durante o acto de presentación do Piloto 5G, déronse a coñecer os 8 novos proxectos que terán efectos en ámbitos tan relevantes como a asistencia técnica remota ás máquinas do sector naval ou a exploración e diagnóstico oftalmolóxico, e que se suman ás outras 9 iniciativas nas que xa están a traballar os principais operadores adheridos ao Nodo 5G do plan da Xunta.

Conscientes de que tecnoloxías emerxentes como o 5G permitirán desenvolver novos modelos de negocio e consolidar a especialización tecnolóxica da Comunidade, Feijóo incidiu en que Galicia aspira a ser unha das primeiras rexións europeas en dispor dos servicios avanzados do 5G, que permitirán mellorar aspectos como a calidade dos servizos públicos, incrementar a competitividade das empresas e favorecer o desenvolvemento de cidades intelixentes e vehículos conectados.

Intervención de Alberto Núñez Feijóo na presentación Piloto 5G Galicia.