20 centros educativos participarán no programa ‘Edureferentes’

1 minutes read

Trátase dunha iniciativa impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade en colaboración coa Asociación Executivas de Galicia, está dirixida ao alumnado das etapas de Educación Secundaria Obrigatoria e de Formación Profesional Básica, para que -a través de charlas e sesións de mentorización- teñan a oportunidade de coñecer novas referencias femininas no ámbito profesional e, deste xeito, que a mocidade dispoña de novas ferramentas para unha orientación vocacional libre de estereotipos de xénero.

O programa inclúe charlas e sesións prácticas nas que profesionais referentes galegas de éxito de diversos sectores se achegarán ás aulas para dar a coñecer a súa experiencia a través de encontros e mentorías individualizadas para potenciar as habilidades persoais dos alumnos. Trátase de sesións de 50 minutos onde o alumnado terá a oportunidade de traballar diferentes habilidades sociais e de comunicación baixo a supervisión destas mulleres referentes.

O departamento de Orientación de cada un dos centros adheridos ao programa será o encargado da súa coordinación.

No caso das mentorías individualizadas, os centros educativos participantes farán unha selección de cinco alumnos para ser acompañados por unha profesional referente no seu ámbito. A persoa mentora compartirá a súa experiencia e coñecemento ao longo de cinco sesións individualizadas, apoiando o alumnado nas súas fortalezas, habilidades e intereses. Unha vez finalizado o programa, o alumnado mentorizado recibirá un diploma acreditativo.

As charlas terán lugar ao longo do segundo trimestre deste curso mentres que as mentorías realizaranse entre o segundo e o terceiro trimestre.