- Este tramo do circuíto máis longo de Galicia en augas abertas terá lugar este domingo 11 de agosto
Esta fin de semana terá como colofón a Travesía Costa Abanca by Duacode 2019, que este domingo se despraza ata Malpica para celebrar un novo tramo do circuíto máis longo de Galicia en augas abertas.
Na Travesía Costa Abanca by Duacode 2019 celebraranse dúas distancias, de 8 e de 4,2 quilómetros. A distancia longa, na que participan 80 nadadores, sairá ás 9.00 horas da praia de Area Maior de Malpica e terá a chegada no mesmo lugar. A proba curta, con 150 participantes, comeza ás 10.30 horas co embarque dos nadadadores no Porto de Malpica, para saír ás 11.00 horas das Sisargas. A meta estará situada tamén na praia de Area Maior.
A entrega de trofeos está prevista para as 14.00 horas na praia e ás 14.30 horas, no Paseo Marítimo, celebrarase unha paella con todos os participantes nas probas.
Próxima cita, Fisterra
A seguinte proba da Travesía Costa Abanca by Duacode 2019 será a de Fisterra, o 1 de setembro. Por último, o 15 de setembro, a proba especial das Pontes poñerá o broche final a un verán repleto de probas deportivas acuáticas; con tres distancias, 1.500, 5.000 e 10.000 metros.
A Travesía Costa Abanca by Duacode é o maior circuíto de Galicia en natación en augas abertas, abarcando sete contornas incribles das costas galegas e coa participación duns mil nadadores.
Máis información aquí.