29 concellos participan no programa «Libros para sermos libres»

2 minutes read

«Libros para sermos libres» co que este 23 de abril conmemora o Día do Libro a Deputación da Coruña. Con esta iniciativa, a área de Cultura distribúe en todo o territorio libros que formaban parte do seu fondo editorial e estaban xa fóra de circulación.

Bibliotecas, mercados, centros de saúde ou escolas son algúns dos espazos escollidos polos concellos para organizar os actos en que se repartirán volumes do programa «Libros para sermos libres» da Deputación da Coruña co que se conmemora o Día do Libro. En total, serán 6.000 volumes cos que se completan os máis de 19.0000 que se destinaron a esta iniciativa que se desenvolveu ao longo dos tres anos na totalidade de concellos da Coruña.

«Queremos conmemorar o Día do Libro da man dos concellos, facendo un reparto de volumes que forman parte do fondo da Deputación da Coruña e que, desta maneira, chegan a lectoras e lectores de maneira directa nun día de festa», sinala a vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura e Normalización Lingüística, Goretti Sanmartín Rei.

Desta maneira, este 23 de abril, día en que se conmemora o Día do Libro, serán 29 os concellos en que se repartirán libros en distintas fórmulas nesta terceira conmemoración do programa en que se inclúen tamén as tres cidades, Santiago de Compostela, A Coruña e Ferrol.

«Son libros que xa estaban no fondo e que se reparten con actividades que organizan os propios concellos arredor dos libros da Deputación da Coruña nunha iniciativa da que temos moi boas experiencias nas anteriores edicións», sinala Goretti Sanmartín.

O programa, preparouse nunha xuntanza en que participou persoal técnico e político das áreas de cultura dos concellos co obxectivo de organizar actos de animación á lectura con motivo da conmemoración. Neste sentido, os concellos optaron, maiormente, por organizar actos de reparto en espazos públicos moi visitados que van desde centros de saúde a mercados mais, fundamentalmente, escolleron as bibliotecas municipais para conmemorar a data.

Libros de poesía, teatro, narrativa, ensaio e investigación compoñen o fondo que a Deputación da Coruña saca do seu fondo para difundilo a través deste programa que inclúe, de maneira especial, algúns dos títulos premiados nas distintas convocatorias de premios da institución, dos Torrente Ballester de narrativa ao González Garcés de Poesía pasando polo Dieste de Teatro, o Castelao de Banda Deseñada ou o Manuel Munguía de ensaio.

Aranga, Ares, A Baña, Bergondo, Cabanas, Carballo, Carral, Cedeira, Coristanco, A Coruña, Culleredo, Dodro, Dumbría, Ferrol, Fisterra, Frades, Malpica, Mesía, Noia, Ordes, Outes, Oza-Cesuras, Paderne, San Sadurniño, Santiago, As Somozas, Tordoia, Vedra e Vilarmaior son os concellos que acollen esta terceira edición de «Libros para sermos libres».