8.000 evacuados no incendio de Gran Canaria

1 minutes read

O lume avanzou inexorablemente en Gran Canaria este domingo en medio dunhas condicións especialmente adversas: temperaturas de ata 40 graos, ventos de máis de 30 quilómetros por hora e unha humidade por debaixo do 10%.

Atrás quedan entre 3.000 e 4.000 hectáreas calcinadas. O panorama que se contempla resulta devastador e o lume deixa atrás numerosas vivendas, granxas e pendellos estragados polas chamas no medio do monte. Os efectivos antiincendios contemplan, entre a impotencia e o abraio, a pegada deixada polas lapas, que provocaron a evacuación de máis de corenta localidades en oito concellos.

A cifra de evacuados foi aumentando ao longo da xornada deste domingo ata superar as oito mil persoas.

Na extinción traballaron unhas 600 persoas por quendas e dez medios aéreos entre helicópteros e avionetas.