O Fórum Carballo acolleu a asemblea única de eleccións para nomear ás persoas representantes do movemento asociativo no Consello Deportivo Municipal. Á reunión asistiron delegados/as de 41 entidades. Das 16 candidaturas formalizadas foron elixidas as presentadas polas seguintes entidades:
- Club de salvamento e socorrismo Carballo (Sysca)
- Escola Lubiáns de hóckey a patíns
- Club Ciclista Carballo
- Escolas Balonmán Xiria
- Sociedade Deportiva Sofán
- Asociación de nais e pais de alumnos A Granxa do CEIP Bergantiños
O concelleiro de Deportes, Daniel Pérez, agradeceu e valorou de xeito moi positivo a participación das entidades así como a representación resultante do proceso pola diversidade en canto á tipoloxía de modalidades deportivas e ao tipo de equipamentos públicos utilizados para o seu desenvolvemento.
Proximamente será convocada a sesión constitutiva do Consello Deportivo Municipal, que se celebrará no mes de febreiro e na que xa se presentará por parte da Concellaría de Deportes a proposta de varias liñas de traballo.