52 familias carballesas reciben asistencia psico-social por servizo telefónico

1 minutes read

O servizo de atención psico-social telefónica da Concellaría de Igualdade e Benestar presta asistencia a 52 familias dende a declaración do estado de alarma como consecuencia da crise sanitaria provocada polo COVID-19. A maior parte, sen embargo, son as 42 familias que xa participaban previamente no Programa de Educación Familiar, e que agora continúan coas intervencións telefonicamente. A maiores incorporáronse 4 fogares derivados polo Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para apoio emocional e 6 cos que se contactou por distintas canles, entre elas as chamadas a maiores de 70 anos. Entre o 16 de marzo e o 7 de abril realizáronse un total de 114 chamadas.

O Programa de Educación Familiar tamén incrementou o número de usuarias dende o inicio do confinamento. Ás 26 familias que xa participaban no programa, e que continúan durante este período, sumáronse outras 9, ben derivadas polo SAF ou detectadas nas chamadas ás persoas maiores, entre outras canles. O persoal da Concellaría de Igualdade e Benestar intentou realizar 125 contactos, dos que se materializaron 105.

O Programa de Educación Familiar pretende ofrecer apoio e recursos complementarios de educación a familias con menores a cargo coa finalidade de evitar a súa exclusión social. Como no caso das persoas maiores que viven soas ou que teñen dificultades para o desenvolvemento da súa vida cotiá na situación actual de confinamento, se coñeces algún caso que poida precisar apoio dos Servizos Sociais podes chamar ao 981 704 706. Por parte dos/as traballadores/as sociais farase un seguimento de cada caso.