Finalizado o prazo para inscribirse nesta XXVI Cata dos Queixos e XXII Cata dos Meles, Medio Rural iniciou o día 9 de novembro a recollida de mostras para a celebración da cata oficial, un traballo que finalizará este martes 14 de novembro. Na presente edición, rexistráronse un total de 28 queixerías pertencentes ás catro denominacións de orixe galegas e 25 industrias de mel acollidas á IXP Mel de Galicia.
Este traballo realizado polo persoal da Axencia Galega da Calidade Alimentaria en colaboración cos consellos reguladores, desenvólvese con todas as garantías de seriedade e rigor, avalando en todo momento o anonimato das marcas participantes. De feito, non é a industria quen facilita á organización a mostra a concursar mediante o seu envío, senón a propia comisión de recollida quen realiza a identificación e recolla dos queixos e meles dos lotes inscritos, certificando que compren cos requisitos establecidos nas bases.