5ª vitoria do Obra ante un voluntarioso Betis


Lograba Obradoiro o domingo en Sar a súa 5ª vitoria por 82 a 73 ante un rival directo, o Coosur Betis, e conseguíao cun cambio de cromos nos roles principais. Onte os Magee, Kravic e Brodziansky pasaron a un segundo plano, cedendo o protagonismo a Navarro, Spires e De Zeew, quen conduciu ao Obra á vitoria. Moncho Fernández leu ben que as súas “primeiras vedettes” estaban a ser ben controlados e mostrándose imprecisos, apostou por outros xogadores e saíu cara.

Empezaba a xornada vespertina en Sar co aplauso, tras 3 anos, a Shayne Whittington, ex Obra, quen xunto con Curro Segura, primeiro adestrador na ACB do Obradoiro visitaban Santiago novamente. Arrincaba o primeiro cuarto cun Obra demoledor, 5 triplos no primeiro acto, tan só embazados por algunha dudosísima decisión do trío arbitral como a falta en ataque pitada a Brodziansky, onde Nacho Martín vaise ao chan descaradamente nada máis percibir o contacto do eslovaco. Constantes visitas ao instant replay e decisións descompensadas no criterio. Sar reaccionaba cunha sonora pitada a pesar de acabar o primeiro cuarto con 25-16.

O segundo cuarto foi un desastre para os locais. Numerosos erros defensivos ben aproveitados por Whittington e Conger. Tan só 11 puntos anotaba Obradoiro por 20 visitantes, acabando o primeiro tempo con táboas no electrónico, 36-36. Tras o paso polos vestiarios empezaba o terceiro cuarto cunha sangría compostelá, parcial de 0-9 que daba continuidade ao 3-23 previo, minuto 23. Tempo morto do alquimista dá Pontepedriña e Sar que respondía animando ante o cariz que tomaban os acontecementos. Nun dicir amén xogada de catro puntos (triplo máis falta para Magge), acompañado por outro triplo de Calloway, reducindo a vantaxe dos do Guadalquivir ao mínimo. De Zeew e Spires formaban a dupla chamada a xogar os minutos importantes. Responderon con defensa, rebote e puntos (11 para De Zeew). Terminaba o cuarto cun parcial compostelán de 22-10, 58-55 minuto 30.

O último cuarto convidaba a David Navarro e a Calloway a coller as rendas do equipo, axudando á “estraña parella” do sueco e o belga. Puntos decisivos e bo control do balón, 8 puntos para o español e 17 para o americano. Base e escolta acababan por esnaquizar a un Betis que viu nas perdas de balón (20), xunto coa boa defensa, o control de xogo e selección de tiro local as claves da súa derrota. Demostrou o Obra que é un EQUIPO, con maiúsculas, onde todos achegan o mellor que teñen, demostrando o non depender de ninguén en particular. Un mal partido do case sempre mvp do equipo galego Kravic, é respondido á perfección por quen lle suple. Boas noticias para os de Santiago, dormen na 13 posición, con 2 vitorias de vantaxe sobre o descenso e a, digamos, “unha e media” (Valencia marca o 8º posto con 6) de play off. Próxima visita a Gran Canaria, para terminar decembro con 2 partidos en casa ante rivais da mesma liga que Betis e Obradoiro como son Fuenlabrada e Estudantes. A acabar o ano ben, pero como sempre, taciña a taciña, partido a partido.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO