627 efectivos comezan cos labores de prevención e extinción de incendios forestais

1 minutes read

Co inicio do mes de febreiro faise efectiva a incorporación ao Servizo de Prevención e Defensa contra incendios de Galicia de 627 novos efectivos. Trátase do persoal fixo descontinuo de 9 meses, que vén reforzar o operativo da Xunta tanto para extinción como para desenvolver, tamén, accións preventivas sobre o territorio.

A Consellería do Medio Rural decidiu incorporar xa este persoal tendo en conta a progresiva desestacionalización que se está a rexistrar cos incendios forestais, favorecida polo cambio climático, procurando unha reacción áxil ás situacións cambiantes en relación cos lumes.

Esta filosofía coincide ademais coas recomendacións dos expertos e coas directrices emanadas da Comisión parlamentaria forestal creada tras os incendios do pasado 2017, no sentido de propiciar a existencia dun operativo profesional, áxil e versátil. Así, a Xunta está a cumprir estes mandatos, entre outras medidas co progresivo incremento do tempo de despregue sobre o terreo do persoal fixo descontinuo que inicialmente era de tres meses e aumentouse ata os seis.