650 prazas esta Semana Santa para coñecer as Illas Cíes e Ons con rutas guiadas gratuítas

2 minutes read
  • Preto de 300 prazas están dispoñibles en liña na central de reservas do Parque Nacional e o resto asignaranse no mesmo día nas casetas de información das illas.

Estas visitas, dirixidas por guías profesionais do parque, pretenden dar a coñecer aos visitantes o patrimonio natural e ambiental de ambos arquipélagos así como aspectos destacados da súa historia. Todas as rutas están pensadas para grupos reducidos para garantir unha experiencia de calidade e o máis personalizada posible, á vez que se preserva a contorna natural.

Unha das rutas dispoñibles é Cíes, illa das paisaxes, programada para os días 23, 24, 30 e 31 de marzo tanto en horario de mañá como de tarde, de arredor de dúas horas de duración que permitirá coñecer os distintos espazos e atractivos da illa e que concluirá no miradoiro da Pedra da Campá ou no do Alto do Príncipe.

Outra opción é Ons, unha illa de dúas caras, prevista para os días 24, 29, 30 e 31 de marzo ao mediodía. Esta ruta, tamén de dúas horas de duracións, transcorre pola parte central da illa, pasa polas inmediacións do faro e percorre distintas paisaxes como os barrios aínda habitados, praias ou cantís, entre outros.

Estas rutas están pensadas para adultos, pero a oferta do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia tamén inclúe propostas máis familiares recomendadas para menores de idade, de entre os 5 e os 12 anos. As rutas, denominadas A vista de paxaro, serán o día 25 de marzo en Ons e o 27 de marzo en Cíes e nelas as rapazas e rapaces -que deberán ir acompañados dunha persoa adulta- vivirán unha experiencia participativa coa que as aves lles irán presentando a paisaxe das illas.

Este tipo de itinerarios guiados e de balde por Cíes e Ons veñen ofrecéndose de forma case ininterrompida coincidindo cos períodos nos que se ofrece o servizo de transporte regular en barco a ambos arquipélagos.