7,5 M€ financiarán 56 proxectos para a protección e recuperación da biodiversidade mariña

1 minutes read

Estas accións, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e que poden chegar a cubrir o 100% do investimento subvencionado, contan con orzamento para o período 2021-2023 dando así resposta á demanda do sector de que este tipo de apoios públicos teñan carácter plurianual.

Os seus principais beneficiarios son as confrarías de pescadores, ademais das organizacións de produtores, cooperativas do mar e as asociacións de profesionais do sector de Galicia que elaboren e desenvolvan proxectos colectivos con accións como a elaboración e seguimento dos plans de coxestión de recursos mariños vivos e a optimización e seguimento dunha correcta xestión dos recursos biolóxicos mariños, atendendo á Directiva marco sobre a estratexia mariña.

Outras actuacións subvencionables son aquelas que contribúen á vixilancia epidemiolóxica, como o envío de mostras ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) para coñecer o estado sanitario das augas e especies marisqueiras, e operacións de salvagarda do medio mariño e das súas especies. Dentro das operacións de salvagarda, o persoal de vixilancia actúa baixo a supervisión do Servizo de Gardacostas de Galicia e en colaboración con este.

A formación dos profesionais da pesca, orientada a adquirir novas competencias para unha mellor xestión e conservación dos recursos mariños vivos e dos ecosistemas en que viven, é outra acción obxecto de axuda. A maiores, tamén se subvencionan actuacións de aumento da sensibilización ambiental coa participación directa do sector, podendo incluír campañas de divulgación.

As principais novidades da convocatoria deste ano foron a posibilidade de que os proxectos teñan unha vixencia de tres anos -ata agora limitábanse a dous- e a inclusión dos equipamentos de toma de mostras como gastos subvencionables.