79 casas rurais adheridas a unha nova edición do programa ‘Outono Gastronómico’

1 minutes read

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou a 17ª edición do Outono Gastronómico de Turismo Rural, un programa que combina gastronomía, natureza, actividades turísticas complementarias e estadías en aloxamentos de turismo rural nas catro provincias. Nesta edición, que se celebrará entre o 15 de setembro e o 17 de decembro, increméntanse o número de aloxamentos adheridos ao programa, un total de 79, dos que 24 están na provincia da Coruña, 22 en Lugo, 17 son de Ourense e 16 pontevedreses. A praia de Ribeira, en Baiona, foi a derradeira parada do bus promocional do Outono Gastronómico en Galicia pero non da campaña, que remata este xoves en Madrid, cunha presentación do programa na Casa de Galicia. Como en anteriores edicións, o programa Outono gastronómico en Turismo Rural de Galicia pódese consultar na web de Turismo.gal e permite gozar de menús especiais así como contar co aloxamento ou cun programa de fin de semana. Ademais, un total de 24 dos establecementos adheridos ofertan “Outono plus”, no que se ofrecen actividades complementarias como paseos a cabalo ou rutas en kayak.