O 9 de maio de 2003, catro meses despois de ser nomeado por Manuel Fraga Conselleiro de Política Territorial, Alberto Núñez Feijóo colocaba a primeira pedra das obras do Corredor do Morrazo, unha vía rápida dun carril por sentido, anunciando que aquela era a “primeira fase” da súa futura conversión en autovía con dous carrís por sentido. Este venres, 14 anos despois de rematarse aquela obra, Feijóo inaugurou a prometida duplicación en autovía de 11 quilómetros daquel Corredor previo, unha actuación que o seu primeiro Goberno anunciou en 2010 que estaría en 2015 pero que se demorou catro anos máis pola súa incorrecta planificación.
Os 8 anos agora empregados para desdobrar en autovía 11 quilómetros do Corredor do Morrazo veñen bater o récord dos mesmos 8 anos que lle levou á Xunta construír 27 quilómetros da Autovía da Costa da Morte, prometida tras o Prestige pero non inaugurada ata 2016 tras un historial similar de erros na súa planificación.
Aquela primeira pedra que o conselleiro Feijóo colocou nas obras do Corredor do Morrazo en 2003 foi a concreción dun traballo previo de planificación da infraestrutura por parte do seu antecesor, Xosé Cuiña, que malia deseñar inicialmente unha vía dun carril por sentido deixou xa expropiados boa parte dos terreos necesarios para unha futura ampliación a autovía. O corredor inicial xa non sería inaugurado por Feijóo senón polo bipartito poucos meses despois de chegar á Xunta en 2005, e só cinco anos máis tarde, en 2010, co PP de novo no Goberno galego, varios accidentes con 8 mortos e un tráfico cada vez máis elevado evidenciaron que a vía quedaba obsoleta e levaron a tomar a decisión do seu desdobramento.
Os oito anos pasados entre a primeira licitación da obra e o remate dos traballos nos 11 quilómetros da Autovía do Morrazo veñen de supoñer un novo récord de lentitude dunha obra da Xunta tras os mesmos oito anos que tamén lle levou rematar en 2016 os 27 quilómetros da Autovía da Costa da Morte tras a súa primeira licitación en 2008. Esa infraestrutura fora prometida tras o afundimento do Prestige en 2002 e licitada tres veces tras sucesivos fracasos dos dous primeiros concursos. Finalmente a vía, que ía ter 42 quilómetros, foi recortada a 27 pola incapacidade da concesionaria para acometer toda a obra. Uns traballos que custaron uns 200 millóns de euros pero polos que a Xunta terá que pagar uns 600 millóns ao longo dos próximos 20 anos polo modelo de colaboración público-privada elixido para ela.