A Xunta de Galicia cuantificou en case 5.000 o número de edificacións que se verán afectadas, integra ou parcialmente, pola modificación do Regulamento da Lei de Costas que está a tramitar o Goberno do Estado.
Esta é unha das conclusións que a Xunta vén de trasladar aos membros da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) nunha reunión celebrada este mércores na que participaron as conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, e o vicepresidente primeiro, Alfonso Villares Bermúdez, en representación da Fegamp.
A conselleira sinalou que ao longo deste días a Xunta iniciou un traballo polo miúdo para coñecer a afección desta modificación nos 80 concellos costeiros de Galicia, é dicir, nos 2.500 quilómetros de costa que ten Galicia.
Explicou que o Instituto de Estudos do Territorio, identificou que en Galicia existen un total de 4.934 edificacións que están integra ou parcialmente en zona de Dominio Público Marítimo Terrestre; entre as que se atopan non só empresas, senón tamén depuradoras, colexios, escolas infantís; polo que defendeu a necesidade e urxencia de que a Fegamp traslade esta información ás entidades municipais para advertilos da posible incidencia nos seus territorios.