Tramitadas máis de 2.500 denuncias de competencia municipal relacionadas coa covid-19

1 minutes read

Tramitados 2.535 expedientes de denuncias dos 172 concellos adheridos ao convenio proposto polo Goberno galego e asinado a finais de novembro coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para a tramitación das sancións relacionadas coa covid-19 que son competencia municipal.

A Xunta está a revisar os expedientes e xa remitiu para a sinatura dos concellos arredor de 60 acordos de inicio dos sancionadores, dando prioridade aos relacionados coa infracción de incumprir o uso obrigatorio da máscara. Ademais, a previsión do Goberno galego é enviar ao longo desta semana máis de 300 acordos para que cheguen canto antes aos presuntos infractores.

Deste xeito, a Administración autonómica está a prestar aos municipios que se adheriron ao convenio a asistencia técnica e material que precisen para tramitar os procedementos sancionadores vinculados a incumprimentos en ámbitos da súa competencia en casos como o uso obrigatorio da máscara, os aforos máximos, os controis de aglomeracións de persoas ou por infrinxir horarios.