O Parlamento galego aprobou a Lei de residuos e solos contaminados de Galicia, que substitúe e moderniza o marco normativo vixente nos últimos 12 anos co reto de preparar á comunidade para responder aos cambios que se teñen producido neste período con relación á forma de consumir, á xeración de residuos e ás prioridades e necesidades desde o punto de vista da súa xestión. Trátase do terceiro texto lexislativo impulsado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que sae adiante na actual lexislatura.
Será unha ferramenta eficaz para garantir que Galicia se adapte ás esixencias de futuro nesta materia e camiñe con paso decidido cara á economía circular, que substitúa e desterre o modelo tradicional de extraer, usar e tirar. Unha vez ratificada polo Parlamento, a Lei de residuos e solos contaminados permite á comunidade adiantarse ao Goberno do Estado á hora de dotarse dun marco normativo moderno, eficaz e adaptado á normativa comunitaria en relación a esta materia.
Con esta norma Galicia pecha o “círculo” das ferramentas xurídicas e normativas necesarias para consolidar a súa posición á cabeza de Europa con relación á sostibilidade e á xestión dos residuos, lembrando os outros pasos clave dados pola Xunta en 2019 coa aprobación da Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050 e da Estratexia Galega de Economía Circular 2020-2030.
Neste sentido, a norma aprobada permitirá incidir en todas as fases da cadea de residuos, empezando pola prevención e a reutilización, para o que integra o contido da directiva comunitaria en materia de plásticos, fixando mecanismos eficaces para loitar contra o plástico dun só uso e contra o desperdicio alimentario, entre outros aspectos.
Estes son, precisamente, dous dos obxectivos concretos máis importantes da normativa. Así, a xestión dos biorresiduos será un dos piares básicos en torno aos que a Lei galega buscará a colaboración e coordinación cos concellos, como administración responsable directa da xestión dos residuos domésticos.