- Afirman que os montes son unha propiedade privada pola que non se debe pasar sen permiso.
Varias comunidades veciñais de montes de Galicia, advirten dos estragos causados por usuarios de quads, motos e todoterreos. Denuncian a ilegalidade de empregar estes vehículos coma se o monte fose un circuíto de competición. Os estragos que estes vehículos causan nos montes e nas instalacións que alí se atopan son un vello problema que se acrecentou como consecuencia dos peches perimetrais. Os comuneiros aseguran que o problema son as persoas que non respectan a contorna nin os lugares de interese etnográfico. De feito, denuncian estragos nas pistas, nas plantacións e nas áreas recreativas. A fin de semana pasada a Garda Civil controlou o acceso e uso indiscriminado destas pistas forestais e denunciou unha vintena de condutores. Esta é unha problemática xeneralizada en todas as comunidades de montes, que fan unha chamada á responsabilidade para poder convivir e gozar do monte e das infraestruturas existentes sen facer dano.