Muxía | A oposición tumba as obras do POS, valoradas en máis de 500.000 euros

1 minutes read
  • O goberno local (PSOE) sinalou que estas intervencións xa estaban aprobadas con anterioridade

As novas propostas do plan complementario do POS no Concello de Muxía, presentadas polo equipo de goberno socialista, non saíron adiante despois de que o Partido Popular e o grupo non adscrito votaran en contra da modificación do Plan de Obras e Servizos no pleno extraordinario celebrado este mércores.

Este bloqueo, xunto a abstención do BNG, tumbou un “Plan Único que xa estaba aprobado con anterioridade e que contaba con máis de medio millón de euros destinados a melloras e a diversas intervencións de importante relevancia e demanda no municipio”, sinala o alcalde, Iago Toba. Entre esas actuacións destaca o abastecemento de auga a Morpeguite e Pasantes, a ampliación e saneamento a Debexo, o parque infantil de Suxo, o acondicionamento do vial de Suxo ata Garante ou ampliación da redes de saneamento de Chorente.

“Esta decisión tan só responde a un capricho político duns grupos que miran polo beneficio propio”, aclarou Toba, facendo fincapé na “falta de propostas en firme por parte dunha oposición que pide diálogo pero non aporta ideas nin proxectos, tan só un bloqueo e unha inestabilidade”.

O goberno local convoca para este venres ás 12:30 horas, no Salón de Actos do Concello, unha rolda de prensa para aclarar a situación.