Ferrán López afirma que Puigdemont declararía a independencia o 1-O se había incidentes

1 minutes read

O ex número dous do maior Trapero, declarou no xuízo do “procés” que o expresidente Carles Puigdemont advertiu ós altos cargos da policía autonómica que declararía a independencia o 1-O se había incidentes violentos entre as forzas de seguridade e as persoas que acudían a votar.

Ferrán López, substituto de Josep Lluís Trapero como xefe dos Mossos logo da aplicación do artigo 155, seguiu a liña da versión de Trapero en canto ás reunións que mantiveron os Mossos co goberno entre o 26 e o 28 de setembro de 2017.

«Puigdemont dixo que se se producía ese escenario que nós previamos, el neste mesmo momento declaraba a independencia, é unha frase que recordamos todos perfectamente porque é difícil de esquecer», dixo o comisario. López tamén relatou que Puigdemont deixoulles claro “un mandato” e que seguirían adiante co referendo, desoíndo as recomendacións dos Mossos para desconvocar o 1-O xa que «era evidente que dunha forma ou outra ía haber incidentes».

Todo iso sucedeu no segundo encontro dos Mossos co Govern e ao que, ademais de Puigdemont, tamén asistiron o exvicepresidente Oriol Junqueras e o exconseller Joaquim Forn. López dixo non recordar o que dixeron Junqueras e Forn pero si que «a postura dos tres era homoxénea e monolítica».

Ademais, López quixo deixar claro que «os Mossos nunca colaboraron nin organizaron ningún acto previo ao referendo».