Carballo | A R.F.E.BM entrega a Luciano Calvo a medalla e insignia de prata ao Mérito Deportivo

1 minutes read

Este luns 17 de maio (13:45 horas) o presidente da Real Federación Española de Balonmán, Francisco Blázquez, entregará a Luciano Calvo Pumpido, presidente das Escolas Deportivas Xiria, a medalla e insignia de prata ao Mérito Deportivo, na categoría de directivos, que lle foi concedida por parte da Real Federación Española de Balonmán no ano 2014.

Nese momento Calvo Pumpido non puido acudir á Gala Dos Premios Nacionais 2014 para recibir o galardón, e o presidente da Federación Española comprometeuse a facer entrega da mesma en persoa en Galicia, polo que vai dar cumprimento a esa palabra dada. Será nas instalacións da conserveira carballesa.

Paco Blázquez tamén acudirá á Final Four Deputación da Coruña de 1ª Autonómica Masculina e Feminina, que se está a celebrar estes días en Culleredo e Carballo. Este luns celebraranse no Pavillón Vila de Noia as finais (16:30 horas, a final feminina e 18:30 horas, a masculina), nas que se decidirá o segundo representante de Galicia nas fases de ascenso a División de Honra Prata Feminina e Primeira Nacional Masculina, que acompañarán aos campións de Liga (BM Cañiza feminino e Meaño, masculino).