A derrota ante o Rayo Majadahonda foi a pinga que colmou o vaso da paciencia dun Depor que a día de hoxe está sen técnico. Natxo González foi destituído como adestrador do equipo, cargo que colleu ao comezo desta tempada. Deixa ao equipo en quinto lugar, en postos de playoffs e iso si, a 7 puntos das posicións de ascenso directo. Só 2 vitorias nos últimos 10 partidos foron a puntilla a un proxecto que agora busca un novo capitán, será o noveno en menos de cinco anos.
Desde que Tino Fernández tomou o mando do equipo en 2014, ese mesmo verán foi despedido Fernando Vázquez, e logo caeron outros sete: Víctor Fernández, Víctor Sánchez del Amo, Gaizka Garitano, Pepe Mel, Cristóbal Parralo, Clarence Seedorf e agora Natxo González.
Agora e a quenda de José Luis Martí Soler. Exfutbolista profesional, Martí comezou a súa andaina nos bancos meses despois da súa retirada dos terreos de xogo con 40 anos, dirixindo durante dúas temporadas e media ao CD Tenerife, para acumular un total de 108 partidos en LaLiga 1|2|3.
Antes, como centrocampista, defendera as camisetas de Mallorca, Tenerife, Sevilla e Real Sociedad, acumulando case 700 partidos na elite e catro títulos no seu palmarés: Copa do Rei, Copa da UEFA e as supercopas de España e Europa, todos eles co Sevilla FC.