- 117 vehículos disputarán esta fin de semana unha proba decisiva no Campionato de España 2021
Esta fin de semana disputarase o 13º Autocross do Campionato de España no circuíto do motor de Bértoa, en Carballo. Nesta edición hai un récord de participantes, con 117 vehículos, e unha alta demanda de entradas, vendéndose ata este luns arredor de 270.
A organización recae nesta ocasión no Club Rally Coruña, que conta coa colaboración do Concello de Carballo. Representantes de ambas entidades presentaron este martes a proba. Por parte da escudaría participaron Ernesto Rumbo e Juan Fernández, e por parte da Administración local, Marcos Trigo e Evencio Ferrero. Tamén estivo presente Maikel Vilariño que, malia ter aparcado a competición para centrarse no seu proxecto empresarial de construción de vehículos, esta fin de semana volverá a poñerse ao volante dun coche da súa marca, Labase, para correr «na casa e nun dos meus circuítos favoritos».
«O circuíto de Bértoa é unha instalación na que lles encanta correr aos pilotos», afirmou Ernesto Rumbo. O representante do Club Rally Coruña destacou a forte implantación do autocross en Carballo e Bergantiños e a gran calidade dos deportistas locais. Unha das escasísimas mulleres participantes será a pontecesá Sandra García, que volve á competición «con moitas ganas» despois dunha época apartada dos circuítos.
Os representantes da escudaría organizadora destacaron as calidades do autocross como «escola» para todas as modalidades de automobilismo e tamén o valor social da competición. «O deporte ten que servir de vínculo para toda a poboación, sen exclusión de ningún tipo, e nese sentido o autocross non é só un evento deportivo, senón tamén social», sinalou Ernesto Rumbo. Este ano, ademais da tradicional colaboración coa Cruz Vermella, incluirase tamén Aspaber, «para devolver unha pequena parte do que Carballo nos dá».
Por suposto, deberán respectarse as normas sanitarias. Haberá límite de aforo, e recoméndase reservar un lugar chamando ao 689844185.