A edición deste 2019 a celebrar o día das Letras Galegas, complícase para Escola Basket Xiria, un evento de Baloncesto único en Galicia, por falta de apoio segundo din da Deputación da Coruña, segundo fontes da entidade deportiva. Parece ser que o ente institucional denegoulle unha subvención de 10.000 euros correspondente á edición celebrada o ano pasado por segundo eles, non ser unha actividade competitiva.
Desde Escola Basket Xiria esta resolución considérase incrible, xa que se trata dun evento lúdico, que naceu coa idea de fomentar este deporte entre os máis pequenos. Ante esta negativa presentouse escrito en base a que a Federación Galega de Baloncesto ten unha competición sen marcadores baixo o nome de babybasket, e aínda así a resposta seguiu sendo negativa.
Agora Escola Basket Xiria, atópase con dous problemas. O primeiro que se terán que afrontar os gastos correspondentes a esa cantidade da pasada edición. O outro, que deberá organizar un Pequebasket 2019, no que levan traballando desde hai tempo, dunha maneira máis económica, tendo en conta que poida que o próximo ano a Deputación volva negar a súa axuda económica.
Isto último provoca frear o crecemento do evento dos últimos anos. Hai que lembrar que o torneo concentra nun día na capital de Bergantiños a 700 nenos de toda Galicia e a máis de 3.000 persoas debido ás temperás idades dos participantes, ademais de achegar a un famoso do mundo baloncestista como padriño da edición.
Desde o club con esta noticia non se quere crear ningún conflito, pero si que se saiba e para que a xente entenda que esta sétima edición non poderá ser tan espectacular como en edicións anteriores. Falamos de reducir o número de equipos participantes, así como os agasallos tradicionais de camisetas e trofeos, ademais de inchables, actuacións musicais, etc., ante esta negativa, obrigando a todos os colaboradores a traballar contra reloxo para unha cita que está ao virar a esquina e que estaba xa deseñada con outra idea e contando cos apoios acordados. Ata o momento o orzamento do torneo era de 20.000 euros, achegando a Deputación 10.000, o concello de Carballo 6.000, e os outros 4.000 o club e varios negocios.