Do 1 ao 8 de setembro disputarase o IV Aberto de Xadrez Clásico Concello de Carballo, valedoiro para ELO internacional e nacional. Por primeira vez utilizarase o formato suízo a 9 roldas (unha diaria), un sistema ata o de agora inédito en Carballo, reservado a torneos en cidades coma Pontevedra, Ourense e Ferrol e a localidades con gran tradición en torneos de xadrez coma Mondariz, Sanxenxo ou Cambados. Estes, entre outros datos de interese, ofrecéronos os organizadores na presentación oficial, celebrada este xoves, coa participación de Javier Teixeira, presidente de O Toque Xiria, e os seus compañeiros Óscar de Prado e Laureano Falla; os concelleiros de Deporte, Marcos Trigo, e Turismo, Xosé Regueira, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.
Agárdase a participación duns 60-70 xogadores, algúns deles Grandes Mestres e Mestres Internacionais, como o mozo indio Gukesh D, campión mundial sub14 e terceiro GM máis novo da historia con 12 anos, 7 meses e 17 días, e que ademais ofrecerá unha exhibición de partidas simultáneas fronte a 20 opoñentes o sábado día 4 na Praza do Concello. Deste xeito, ademais de promocionar a competición en si, preténdese trasladar o xadrez á rúa e popularizalo.
Tamén participarán xogadores doutros países e doutras comunidades autónomas, así coma algúns dos mellores xogadores galegos, que se enfrontarán aos locais do club xadrez O Toque Xiria. O local de xogo será a planta alta do Mercado de Abastos. Con este torneo, o club O Toque Xiria Carballo aspira a consolidarse como un referente do xadrez galego tanto en organización de eventos coma dende o punto de vista deportivo, celebrando o ascenso do club á máxima división galega de xadrez en 2020 e na que competirá en 2021 e 2022.
