O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo unha xuntanza co eurodeputado socialista Nicolás González Casares para amosar o compromiso europeísta do socialismo galego e abordar a xestión dos fondos europeos ante o reto da modernización de Galicia.
Neste marco, o máximo dirixente do PSdeG pediu a Feijóo “que se reúna” cos líderes dos grupos parlamentarios para abordar as prioridades e xestión dos fondos Next Generation. Así, chamou a levar a cabo un “gran acordo de país” que permita unha “utilización eficiente, capaz e solidaria para que os fondos europeos sexan a enerxía renovable que impulse a modernización e o futuro do noso país”.
Así, Gonzalo Caballero censurou unha política de “brazos caídos”, baseada na “inercia” e na “inacción”, con falla de ambición e “sen medidas nin estratexia” para facer fronte aos retos do futuro.
O responsable socialista lembrou que o último informe do Consello de Contas da Xunta sinalou que, nos últimos anos, “houbo unha baixa execución dos fondos europeos”, xa que a Xunta “non executou 4 de cada 10 euros” que chegaron de Europa, o cal cualificou como “un balance negativo”.