Máis de 400 persoas xa se inscribiron na Marcha BTT Costa da Morte polo seu 18 aniversario

1 minutes read
  • Celebrarase este domingo, 3 de outubro, e haberá varias distancias

A Marcha BTT Costa da Morte celebra a súa maioría de idade cunha cifra récord de inscricións superando as 400 acadadas na última edición, celebrada no ano 2019. Representantes do Club Ciclista Monteneme, organizador do evento, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presentaron a 18ª edición da popular ruta que se celebrará este domingo 3 de outubro.

O presidente do Club Ciclista Monteneme, Víctor Gende, destacou que entre os participantes haberá ciclistas de toda Galicia. Ademais, se ben o trazado continuará sendo o mesmo, este ano incorpórase unha nova distancia.

Marcha de 35 quilómetros. Esta ruta é a máis doada, recomendada para ciclistas novos ou afeccionados que desexen subir ao Cotón de Santa Cecilia, en Coristanco, dende onde emprenderán o regreso a Carballo.

Marcha de 51 quilómetros. Dificultade media con puntos de maior dureza. Pasará polo balcón de Santa Mariña, en Razo.

Maratón de 74 quilómetros. Neste caso o trazado pasa polos concellos de Carballo, Coristanco e Malpica. Está pensado para aqueles participantes que en edicións anteriores «pedían novos retos á organización». Esta é a única distancia competitiva, puntuable para a Copa Galicia e o ránking nacional de XCM.

A saída realizarase en todos os casos dende o Fórum Carballo, onde tamén estará situada a meta.

O Concello de Carballo apoia a Marcha BTT Costa da Morte cunha subvención de 1.500 euros con cargo á liña de axudas para apoiar a organización de eventos e actividades deportivas extraordinarias. «Entendemos que o fomento do deporte e volver á actividade deportiva é necesario dende o punto de vista físico e mental», apuntou o alcalde.