2,5 millóns en axudas a mellorar a eficiencia enerxética en vivendas de promoción pública

1 minutes read

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), destinará unha partida de 2,5 millóns de euros a conceder subvencións a comunidades de propietarios de vivendas de promoción pública para a realización de obras de mellora da eficiencia enerxética en edificios promovidos polo propio organismo público ou transferidos á comunidade autónoma.

Poderán acollerse a esta nova convocatoria as comunidades de propietarios de edificios de vivendas protexidas promovidos polo IGVS ou transferidos ao mesmo, que constitúan a totalidade dun mesmo edificio ou dun conxunto de vivendas unifamiliares e que vaian realizar as actuacións de mellora de eficiencia enerxética obxecto desta convocatoria.


Segundo establecen as bases reguladoras, as actuacións obxecto de subvención poderán estar iniciadas no momento de presentar a solicitude, sempre que non teñan comezado antes do 1 de xaneiro de 2019 e non estea executado xa máis dun 60% do custo total das obras previstas.

Os interesados terán dous meses para poder presentar as súas solicitudes, polo que o prazo oficial para acollerse a esta liña de subvencións rematará o vindeiro 1 de xullo.